AENOR – Asociación Española de Normalización e Certificación

Inicio > Perfil > Historia

Historia

Primeiro logotipo da Asociación Española de Normalización e CertificaciónA Asociación Española de Normalización e Certificación constituíuse en 1986, coincidindo coa incorporación de España á Comunidade Económica Europea, a apertura de fronteiras que supuña era ao mesmo tempo unha grande oportunidade e un tremendo reto para os produtos españois.

Ata ese momento, os labores de normalización eran responsabilidade do Instituto de Racionalización e Normalización (IRANOR), entidade pública creada en 1945 dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas. Sectores económicos e Administración pública coincidiron na necesidade de que o noso país dispuxese dunha organización similar ás que xa existían noutros países europeos. Así, trasladouse á iniciativa privada as actividades de normalización e certificación coa constitución dunha organización privada e independente e sen fins lucrativos. O obxectivo era difundir a cultura da calidade entre o tecido produtivo español para así mellorar a súa competitividade.

Primeiros pasos en normalización

Primeira norma UNE editadaNo primeiro ano creáronse os primeiros 24 comités técnicos de normalización, na súa maioría traspaso das actividades técnicas do IRANOR, e partiuse dun corpo normativo de 7.810 normas, tamén herdado daquel organismo. Un ano máis tarde, a Asociación Española de Normalización e Certificación asumía a representación de España ante os organismos europeos (CEN, CENELEC e ETSI) e internacionais (ISO e IEC).

Actualmente, son máis de 200 os comités técnicos de normalización nos que participan preto de 6.000 expertos. O seu traballo é recoñecido internacionalmente, como o demostra que cada vez sexan máis as normas desenvolvidas en España que serven de referencia na elaboración de normas europeas e internacionais.

Actividade en certificación

Tamén en 1986 se creou a infraestrutura básica para desenvolver a actividade de certificación, daquela circunscrita exclusivamente á certificación de produto. Así, os primeiros comités técnicos de certificación foron os de plásticos e aparellos domésticos. Paulatinamente se foron creando comités ata acadar os 70 actuais. A certificación de produto, na primeira década, referíase a material de construción e eléctrico. É a finais dos 90 cando se inicia en novos campos como a alimentación, a artesanía ou os servizos.

Primeiro certificado de sistema de xestión da calidadeEn 1989 comezouse a certificar sistemas de xestión segundo a norma UNE-EN ISO 9001 e desde entón a súa proxección foi imparable ata superar os 26.000 certificados. Na década dos 90 esta certificación era fundamentalmente demandada polas organizacións puramente industriais, pero a partir do ano 2000, coa publicación ese ano dunha nova versión da norma ISO 9001, ábrese o abano ás organizacións de servizos e ás pemes.

En 1992, a celebración do Cume da Terra en Río de Janeiro supuxo o inicio das políticas ambientais. Ese mesmo ano, a entidade iniciou a súa actividade neste campo e emitiu os seus primeiros certificados de sistemas de xestión ambiental en 1994. Desta certificación, a segunda de sistemas de xestión máis implantada, AENOR emitiu 6.900 certificados.

30 aniversario

Logo 30 aniversario da AENOR.En 2016 a Asociación Española de Normalización e Certificación acada os 30 anos desde a súa creación. A entidade foi evolucionando conforme as necesidades dos sectores produtivos, na súa maioría presentes no corpo de membros. Este desenvolvemento produciuse tanto na súa ampla carteira de servizos como na forma de prestalos, gañando cada vez máis en rapidez de resposta, flexibilidade e orientación ao cliente.

O cambio de modelo, un paso adiante

En 2017 materialízase o cambio de modelo aprobado polos membros da Asociación Española de Normalización e Certificación, polo que as actividades se desdobran en dúas organizacións. A Asociación Española de Normalización, UNE, desenvolve a normalización e a cooperación. Pola súa banda a AENOR, entidade mercantil, traballa nos ámbitos da avaliación da conformidade e outros relacionados, como a formación e a venda de publicacións. Abórdase este paso coa ambición de reforzar, a longo prazo, a capacidade de ofrecer servizos á altura das necesidades en evolución do tecido económico.

No ámbito da normalización a UNE dispón dun dos catálogos de normas técnicas máis completo do mundo, con máis de 31.500 documentos, ao alcance das organizacións do universo hispanofalante. Consenso, apertura e transparencia son os principios esenciais que caracterizan o traballo dos máis de 11.000 expertos de 5.000 organizacións que participan nos comités técnicos de normalización da UNE. Por outra banda, mediante a súa actividade de cooperación é un axente de desenvolvemento destacado facilitando a creación e desenvolvemento de infraestruturas da calidade; ata agora xa se realizaron preto de 900 proxectos.

No campo da avaliación da conformidade, a AENOR é a certificadora española de referencia, que acompaña as empresas na súa expansión exterior, tanto na implantación noutros mercados como na exportación de produtos. Os 22.500 certificados vixentes de sistemas de xestión e os máis de 106.000 produtos certificados apoian as organizacións en campos como a xestión da calidade, xestión ambiental, I+D+i, seguridade e saúde no traballo, eficiencia enerxética, responsabilidade social ou xestión do risco. Así mesmo, a entidade realizou máis de 400 verificacións e validacións ambientais e máis de 10.300 inspeccións.

No campo das análises e os ensaios, traballan dous laboratorios de referencia: AENOR Laboratorio, integrado na AENOR, e o Centro de Ensaios, Innovación e Servizos (CEIS), cuxo 85% é propiedade da Asociación Española de Normalización, UNE. No 2015 AENOR Laboratorio realizou máis de 102.000 análises para o sector da alimentación, mentres que o CEIS ampliou as súas capacidades en aceites, tubaxes de plástico e equipos de calefacción.

A AENOR, doutra banda, realiza un importante papel como impulsor da cultura da calidade mediante actividades en formación e servizos de información. No 2015 incrementouse un 30% o número de cursos impartidos e, practicamente na mesma proporción, o número de alumnos formados. Así mesmo, a venda de normas e publicacións aumentou un 16%.

Como organización global, a actividade da AENOR no ámbito internacional medra ano tras ano. Esta materialízase en distintos campos: certificación, formación, servizos de inspección, validación e verificación. A través dalgunha ou varias destas actividades, a AENOR está actualmente traballando en 78 países de América, Europa, Asia e a África.


Presenza da AENOR no mundo


Fitos

 

Todos os dereitos reservados: © AENOR, 2016

Compartir ligazón

Información da AENOR - Avisos legais - Declaración de accesibilidadeMapa do sitio